Universidade de Santiago de Compostela

O Servizo de Publicacións da USC ascende nos últimos anos 144 postos no ránking das editoriais académicas españolas máis prestixiosas

| Compartir |
Pasou da posición 195 en 2012 á 51 en 2018

SPI (Scholarly Publishers Indicators in Humanities and Social Sciences) elabórao e execútaa o grupo de ILIA de investigación bibliométrica do CSIC

O Servizo de Publicacións da USC ascendeu este ano ata a posición 51 do ránking Scholarly Publishers Indicators de editoriais españolas máis prestixiosas no eido das Ciencias Sociais e Humanidades, tanto públicas como privadas. A editorial universitaria compostelá ten experimentado unha importante evolución nesta listaxe xa que en seis anos ascendeu 144 postos.

Por especialidades, o Servizo de Publicacións ocupa o posto 5º en Belas Artes, 20º en Lingüística, Literatura e Filoloxía e o 36º en Historia. Contando só as editoriais universitarias, a de Santiago sitúase no grupo das dez máis prestixiosas, xunto ás de Valencia, Salamanca, Granada, Sevilla, Zaragoza, Barcelona, Complutense, UNED e País Vasco. 

SPI (Scholarly Publishers Indicators in Humanities and Social Sciences) elabórao e execútaa o grupo de ILIA de investigación bibliométrica do CSIC, especializado na edición e libro académico. Este é un sistema de información que, a partir de enquisas directas ao profesorado e persoal investigador de todo o Estado, ofrece indicadores e ferramentas relacionados coas editoriais científicas ou de interese para a investigación no ámbito das Humanidades e as Ciencias Sociais. Os indicadores que se inclúen pretenden servir como referencia (non como valor definitivo dunha editorial) nos procesos de avaliación e permitir a obxectivación dalgúns conceptos como o do “prestixio da editorial”, ata o punto de que o índice se incorporou xa como elemento de valoración nalgunhas áreas das Ciencias Sociais e Humanidades nos criterios específicos aprobados en novembro de 2017 pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora. 

En canto a Ciencia, Tecnoloxía e Medicina, o Servizo compostelán sitúase entre as cen editoriais máis prestixiosas, ocupando o posto 60º, o décimo no contexto das editoriais universitarias. Estes datos aparecen no amplo informe Estudio cualitivativo de las editoriales académicas. La percepción de la comunidad científica española , presentado o pasado mes de outubro na feira do libro LIBER 2018 en Barcelona, polo grupo ILIA, amplo informe que contén todos os detalles e metodoloxías do proxecto.