Universidade de Santiago de Compostela

Noticias

| Compartir |

O libro da USC Universidad y sociedad del conocimiento, entre os dez máis vendidos no stand da UNE na Feira Internacional do Libro

20/12/2017

Detalle do stand na Feira Internacional do LibroO libro editado pola USC Universidad y sociedad del conocimiento situouse entre os dez máis vendidos no stand que a Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) mantivo aberto entre o 25 de novembro e o 3 de decembro na Feira Internacional do Libro de Guadalajara en México. O volume da universidade compostelá é unha obra coordinada pola profesora Adriana Gewerc que aborda o coñecemento na universidade do século XXI atendendo á complexidade do marco actual. 

O da USC é un dos 439 títulos distintos que a UNE vendeu durante a súa presenza nesta Feira Internacional, segundo os datos facilitados po Corporación Bibliográfica, distribuidora encargada da xestión do stand das editoriais universitarias españolas. En opinión dos seus promotores, os datos sinalan “o interese con que a Feira acolle as obras dos selos universitarios españois, unha esmerada escolla de gran valor e interese”, con títulos que abarcan as máis diversas áreas de coñecemento e temáticas, dende política e historia, ata filosofía, dereito, poesía, cine, arte, música ou comunicación, pasando por obras de medio ambiente, turismo ou educación, entre outras. A México acudiron un total de 52 universidades españolas.