Universidade de Santiago de Compostela

Noticias

| Compartir |

Un seminario aberto recorda a Cuba dos anos 60 dende a perspectiva da historia, a cultura e a revolución

O encontro comezou coa presentación do libro Nicolás Guillén y el son entero: visiones desde el siglo XXI

06/06/2018

De esquerda a dereita: Pilar Cagiao Vila, Ana Gloria Chouciño e Juan Blanco. Foto: Rosalía QuirogaOs grupos de investigación Galabra e HistAmérica organizan o seminario aberto ‘Cuba, anos 60: Historia, cultura e revolución’. Celebrouse este martes 5 de xuño no Salón de Actos da Facultade de Filosofía coa colaboración da Consellaría de Cultura e da Cátedra de Cultura Cubana ‘Alejo Carpentier’ da USC.

O seminario comezou coa presentación do libro Nicolás Guillén y el son entero: visiones desde el siglo XXI a cargo da directora da Cátedra de Cultura Cubana, Ana Gloria Chouciño, e do director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco. O volume realiza un labor “exexético  da obra de Guillén e reflexiona sobre o papel da poesía como canle privilexiada do rexistro de feitos non só estéticos, senón tamén históricos, políticos e sociais”. No libro participan convidados poetas e críticos de España, Cuba e estados Unidos con encargo de reler os versos ‘guilleneáns’ dende varias perspectivas, “poéticas, ensaísticas, persoais ou inferidas, artísticas ou analíticas”. Guillén publicaba El son entero en 1947, estando considerada “unha obra clave na produción literaria latinoamericana do século XX e que mostra de modo singular a esencia da cultura cubana”. 

Logo da presentación, M. Carmen Barcia Zequeira, da Universidade da Habana, impartiu a conferencia inaugural do encontro co título ‘Memoria dunha universitaria nos anos sesenta’. De inmediato, Andrea Alcántara Janeiro, de HistAmérica, presentou o relatorio ‘Batista no exilio: o retiro do tirano’ e Valeria González Lage, do mesmo grupo, o titulado ‘Triunfaron os rebeldes. Un recorrido histórico polos anos sesenta’. Xaquín Bermello Corominas presentou o relatorio ‘Camiñando cara a Tricontinental. A influencia cubana no Terceiro Mundo (1959-1966)’, intervención que deu paso a un coloquio moderado por Patricia Carrera Pérez. 

Pola tarde, o programa continúa a partir das 16.00 horas da man de Javier Colodrón Valbuena (HistAmérica) aludindo ao tema ‘O anarquismo cubano nos anos 60: da Revolución ao exilio’, a quen seguen Ruxandra Guillama Camba (HistAmérica) repasando a relación entre historia e cine na cuba dos 60 e Leticia Carrera Pérez (Galabra) para aludir ao caso de Silvio Rodríguez como exemplo dentro do Movemento da Nova Troba Cubana. Un coloquio moderado por Valeria González Lage precede á conferencia de Ana Gloria Chouciño Fernández titulada ‘Coas armas do humor. La guaracha dende 1959’. O coordinador do grupo Galabra, o profesor Elias J. Torres Feijó é o encargado da clausura do encontro.

 

PIE DE FOTO: De esquerda a dereita: Pilar Cagiao Vila, Ana Gloria Chouciño e Juan Blanco. Foto: Rosalía Quiroga