A da Universidade de Santiago, entre as 100 editoriais máis citadas por investigadores españolas no buscador Google Scholar

Abril, 22, 2015

A da Universidade de Santiago, entre as 100 editoriais máis citadas por investigadores españolas no buscador Google Scholar

Das cen editoriais máis citadas no buscador académico Google Scholar, a da Universidade de Santiago ascende ata o posto 35, segundo o índice bibliométrico Publishers Scholar Metrics , elaborado polo grupo de investigación EC3 (Evaluación de la Ciencia y de la Comunicación Científica) da Universidade de Granada.

Este índice mide o impacto das editoriais que publican monografías científicas a partir do reconto de citas dos libros publicados polos profesores e investigadores de universidades públicas españolas, indizados en dito buscador ata 2012 nos ámbitos das Humanidades e Ciencias Sociais. De entre as editoriais universitarias ou investigadores españolas, a compostelá sitúase no posto once.

A clasificación realizouse a partir dunha dunha mostra formada polos 7.203 libros máis citados dos publicados por 40.993 profesores e indizados en Google Scholar e das 417.153 citas que estes recibiron. A maiores, Publishers Scholar Metrics presenta os resultados por categorías e subcategorías científicas, de tal modo que en cada unha delas poden consultarse as editoriais máis citadas en cada área de coñecemento. A USC acada os mellores resultados na área de Filoloxía latina (2ª) e en Filoloxía italiana (4ª) e Galega e portuguesa (4ª), así como en Lingua española (4ª) e en Lingüística xeral (5ª).

Outros ámbitos nos que destaca a produción científica editada pola USC son os de Literatura española (6ª), Historia moderna (10ª), Historia medieval (15ª), Filoloxía románica (13ª) ou Lingüística indoeuropea (13ª) ou Historia do dereito e institucións (21ª), entre outras.

O medidor de impacto científico é segundo os seus desenvolvedores un índice bibliométrico creado para cubrir un baleiro nos sistemas de medición de monografías en ciencias sociais e humanas. “As bases de datos tradicionais, que son usadas con efectos avaliativos para contabilizar publicacións e citas (Web of Science, Scopus), son totalmente inadecuadas pois cobren case exclusivamente artigos de revistas, oriéntanse fundamentalmente ás disciplinas científico-técnicas e posúen un marcado nesgo anglosaxón en canto á procedencia e idioma dos documentos que indizan, polo que no resultaban adecuadas dados os hábitos de publicación e citación dos investigadores en ciencias humanas e sociais”, explican os autores do índice.