A Facultade de Medicina recorda a figura de Luis Morillo, decano represaliado na época franquista

Mayo, 20, 2014

A Facultade de Medicina recorda a figura de Luis Morillo, decano represaliado na época franquista

Una esperanza truncada. Luis Morillo UñaA Facultade de Medicina da USC recorda a figura de Luis Morillo Uña catedrático de Obstetricia e Xinecoloxía e decano deste centro, coa edición do libro Una esperanza truncada. Luis Morillo Uña(1901-1937) de Guillermo Olagüe de Ros e Francisco Nogales Fernández e editado polo Servizo de Publicacións da USC en colaboración coa Universidade de Granada.

O acto de presentación, ás 19.30 en Medicina, presidido polo reitor Juan Casares e coa asistencia do decano da Facultade, Juan Gestal; o ex decano desta Facultade, Jesús Otero Costas; o autor do prólogo, Ricardo Gurriarán; o autor do libro Francisco Nogales; e o director do servizo de publicacións da USC, Juan Blanco Valdés, inclúe o descubrimento dun retrato que se incorpora á galería de retratos dos decanos do centro. 

O libro recolle a historia de Luis Morillo Uña que foi catedrático de Obstetricia e Xinecoloxía e decano entre agosto de 1935 e xullo de 1936, cando foi cesado polas novas autoridades tralo alzamento franquista e quitándose a vida pouco despois. Así, a obra estruturase en nove capítulos que percorren a vida e obra de Morillo Uña dende a súa infancia ata a súa morte. O estudo inclúe datos sobre os colaboradores que o acompañaron na cátedra, Eladio López Jiménez, do que non se atopou información, e o catedrático de Anatomía Patolóxica da Universidad de Granada Francisco Nogales Ortiz, pai dun dos autores do libro. Noutro apartado, a publicación analiza as orixes da obstetricia e xinecoloxía como especialidade médica, aspecto moi relacionado con Luis Morillo e outros investigadores da época. A publicación inclúe numerosas táboas, gráficos e figuras con importante documentación que contextualiza a época e a obra de Morillo. 

Luis Morillo Uña foi un dos máis de corenta profesores da Universidade de Santiago, dezaseis deles da Facultade de Medicina, que sufriron as consecuencias da sublevación militar en Galicia. Os autores da publicación consideran o de Morillo un caso especial polas circunstancias da súa morte. De ideoloxía republicana, sen militancia política, de formación sólida tanto en España coma no estranxeiro, respectado xestor, docente e profesional de xinecoloxía, apenas puido desenvolver a súa carreira en Santiago xa que con apenas 36 anos se quitou a vida. No seu expediente de depuración, catro anos despois do seu falecemento, o Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas argumentaba que fora destituído do seu cargo como decano polos seus “manexos marxistas e a súa franca simpatía polo Frente Popular” e condenado a pagar 200 pesetas en concepto de multa, a pesar de que a súa viúva defendeu que estaba “única e exclusivamente consagrado ao estudo e a ensinanza da súa especialidade médica, pola que sentía profundo entusiasmo”. 

Un decano descoñecido 
O descubrimento de que Juan Morillo Uña fora decano da Facultade de Medicina produciuse case por casualidade cando o profesor Jesús Otero Costas revisaba as actas da Xunta da Facultade para ordenar cronoloxicamente a colección de retratos de decanos do centro que se exhiben no Sala de Graos. Este foi o punto de partida para a investigación sobre a súa figura que culmina coa publicación do libro e a incorporación do seu retrato na galería. A obra foi feita polo pintor hiperrealista Vicente Prego e realizado a partir dos datos facilitados polos investigadores.