A revista do ILG Estudos de Lingüística Galega, sétima no ránking das publicacións de linguas e lingüística editadas en España

Octubre, 01, 2015

A revista do ILG Estudos de Lingüística Galega, sétima no ránking das publicacións de linguas e lingüística editadas en España

Estudos de Lingüística Galega

A revista do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC  Estudos de Lingüística Galega  (ELG) ocupa o sétimo lugar no Journal Rankings de  SCImago (Scopus) correspondente ao ano 2014 entre as revistas de linguas e lingüística publicadas en España. Scopus é unha das bases de datos bibliográficas de resumos e citas de artigos de revistas científicas máis prestixiosas no ámbito académico.

Esta posición acada maior relevancia se a comparamos co ano anterior, 2013, en que  ELG se situaba na posición 21 nesa mesma categoría. Estes datos converten a revista do ILG na publicación que máis posicións ascendeu nesta clasificación nos dous últimos anos. Sitúase, ademais, no segundo posto entre as revistas editadas polas universidades galegas en calquera área temática e na primeira entre as publicadas pola USC.

Estudos de Lingüística Galega é unha revista anual fundada en 2009 e editada polo Servizo de Publicacións no portal dixital de revistas da USC, co obxectivo de crear un espazo de análise crítica e difusión da investigación lingüística e de debate e intercambio arredor da lingua galega. Neste ano 2015 o ILG publicou o número 7.