A revista Elos

Abril, 27, 2016

Revista de Literatura Infantil e Xuvenil acaba de ser incluída no índice ERIH Plus

A revista Elos

A revista Elos

A revista dixital fundada en 2014 Elos. Revista de Literatura Infantil e Xuvenil acaba de ser incluída no prestixioso índice internacional ERIH Plus (European Reference Index for the Humanities and Social Sciences),  promovido e xestionado pola Norwegian Social Science Data Services (NSD), con sede na cidade norueguesa de Bergen. ERIH céntrase en mellorar a visibilidade global da investigación de alta calidade en humanidades e ciencias sociais publicada en revistas académicas nas distintas linguas europeas en toda Europa. 

Tanto para o equipo redactor da revista como para a dirección do Servizo de Publicacións a inclusión en ERIH Plus confirma que a edición dixital das publicacións periódicas académica contribúe directamente ao seu posicionamento, impacto e recolección por parte deste tipo de índices, estratéxicos na comunicación científica internacional. "Elos" está incluído no Portal Dixital de Revistas da USC que edita o Servizo de Publicacións da USC e baséase no software de código aberto Open Journal System, cada vez máis estandarizada en todo o mundo e instaurada na USC en 2012. 

Promovida polo Grupo de Investigación LITER21 da Facultade de Filoloxía, a Rede Temática de Investigación "As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano"(LIXMI) e o proxecto Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil,  Elos é un novo e dinámico espazo de debate e reflexión ao redor da literatura infantil e xuvenil, un foro de análise crítica, de difusión da investigación e de visibilización deste sistema literario.

 Ademais de Elos, as outras revistas dixitais da USC indexadas en ERIH+ son Ágora. Papeles de Filosofía Dereito Estudos de Lingüistica Galega Obradoiro de Historia Moderna Télos Quintana  e Verba