A revista Verba incorpórase ao prestixioso índice académico Scopus

Marzo, 23, 2017

Publicación fundada polo profesor Constantino García en 1974

A revista Verba incorpórase ao prestixioso índice académico Scopus

A revista Verba incorpórase ao prestixioso índice académico ScopusScopus, a maior base de datos de citas e resumo da literatura científica revisada por pares e a máis prestixiosa de Europa, acaba de incorporar a revista Verba. Anuario Galego de Filoloxía . Na súa decisión Scopus destacou que Verba "é un revista académica solvente que publica investigación orixinal no eido da lingüística, mantén unha convincente política editorial e publica contidos relevantes e excelentes no seu eido". Esta é unha publicación fundada polo profesor Constantino García en 1974 e actualmente co dirixida pola profesora Mª Xosé Rodríguez Espiñeira e o profesor Ramón Mariño Paz.

Scopus recolle abstracts e citas de artigos de revistas e monografías científicas e académica de aproximadamente 5.000 editoriais de todo o mundo co requisito indispensable de que sexan sometidas a procesos de avaliación por pares. Tanto para a dirección e equipo de redacción da revista como para o Servizo de Publicacións, que a edita dixitalmente dende 2012 no Portal Dixital de Revistas da USC, a inclusión en Scopus “é unha magnífica noticia” que “confirma a eficiencia dun labor en equipo baseado nunha política de rigorosa selección e avaliación por pares dos artigos propostos, apoiados nas capacidades da máis actual e estandarizada tecnoloxía na edición dixital de publicacións periódicas académicas”. 

Na actualidade, as outras revistas dixitais da USC indexadas en Scopus son Ágora. Papeles de Filosofía Estudos de Lingüistica Galega Obradoiro de Historia Moderna Quintana  e Revista Galega de Economía.