A Serie Científica da Biblioteca de Divulgación estrea o seu repertorio co libro Antimateria, magia y poesía

Noviembre, 24, 2014

Esta é unha proposta editorial da USC que busca achegar de xeito ameno a ciencia ao gran público

A Serie Científica da Biblioteca de Divulgación estrea o seu repertorio co libro Antimateria, magia y poesía

De esquerda a dereita, José Edelstein, Jorge Mira, Dolores Álvarez, Juan Blanco e Francisco Díaz-Fierros. Foto: Servimav-USC

Os temas candentes da ciencia actual tratados por especialistas da USC de xeito ameno e accesible. Esta afirmación representa a filosofía coa que nace a Serie Científica da Biblioteca de Divulgación, unha nova proposta editorial da USC que acaba de presentar o seu primeiro volume, Antimateria, magia y poesía, do que son autores o profesor de Física Teórica da USC José Edelstein e o doutor en Física Andrés Gomberoff.

A Serie Científica é unha iniciativa que busca poñer a masa crítica da USC ao servizo da sociedade e o gran público a través da súa capacidade divulgadora sobre cuestións científicas, abordándoas cunha linguaxe clara, directa e accesible. Así o explicou este luns 17 en San Xerome a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, na presentación pública da colección. Xunto a ela tamén participaron os co-directores da colección, Jorge Mira e Francisco Díaz-Fierros; o co-autor do primeiro libro, José Edelstein; e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco Valdés

Esta aposta editorial abre unha porta no mundo universitario orientada especificamente a transmitir o activo da investigación científica xerada nas áreas naturais, técnicas, experimentais, da saúde ou as enxeñarías nunha linguaxe clara, directa e accesible ao público xeral, "estimulando á dinamización e á divulgación da ciencia contemporánea en temas que, tratados doutro xeito, só poderían chegar a públicos especializados", explicaron os seus promotores.

O primeiro volume que estrea esta Serie Científica é, en palabras do prologuista, o profesor da Universidade de Barcelona Jorge Wagensberg, "unha viaxe polos cumios e as profundidades da física actual". Unha das dificultades asociadas ao percorrido literario proposto polos autores radica na propia natureza do obxecto de estudo xa que a física moderna "se interesa por unha realidade cada vez máis invisible: invisible por pequena (moléculas, átomos, partículas,...), invisible por rápida (valocidade da orde da da luz), invisible por profusa e complexa". Segundo Wagensberg, ao longo do texto, as ideas da física moderna rozarán a filosofía, a estética ou o método científico.

Nas 258 primeiras páxinas da Serie Científica desta colección agrúpanse 23 textos que orbitan arredor de ideas, conceptos ou mesmo da historia da Física, cuestións todas elas abordadas cun enfoque que muda a súa perspectiva en función de cada tema,  sen desbotar o humor ou a lírica como eixos narrativos. O libro toma o seu título dun artigo co que os autores comezaron unha colaboración que os levou a acadar diversos premios de divulgación do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Campos (CPAN), da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) ou do concurso internacional "Ciencia en acción".

Actualmente, xa están en preparación tres novas propostas que se sumarán á Serie recen estreada. Trátase dos libro Qué hacer con los residuos? de María Teresa Barral Silva; E fíxose a luz! de Salvador Bará; e A maxia dos números de Felipe Gago.