O libro Representaciones de género en el cine español (1939-1982): figuras y fisuras mostra unha análise dos modelos identitarios femininos e masculinos durante o período franquista e a Transición a través do cine. Este estudo destaca a capacidade da sétima arte para reflectir un imaxinario colectivo e para colaborar activamente na súa construción. A USC, xunto co Centro de Estudios Políticos y Constitucionales editan agora este volume do que é autora Aintzane Rincón e que forma parte da colección Historia da Sociedade Política.
Aínda que a base documental de análise comprende un período máis amplo, como explica a autora, a obra presta maior atención á década dos 60 e ao relato do cambio ‘desarrollista’ e valora a forma na que o cine proxectou este clima de transformación e as súas consecuencias na evolución das relacións de xénero.
A co-edición deste volume apunta unha liña de traballo que o Servizo de Publicacións da USC considera estratéxica, o da cooperación entre institucións, para potenciar a transferencia do coñecemento xerado nas aulas e laboratorios universitarios. O traballo recollido neste novo volume foi ademais Premio Juana de Vega de Formación e Investigación Histórica na súa convocatoria de 2012 e Premio Miguel Artola para Teses de Doutoramento en Historia Contemporánea.