A USC e a Xunta de Galicia editan o libro Resistir no escenario. Cara a unha historia institucional do teatro galego

Marzo, 02, 2016

O novo volume asínao a escritora, crítica teatral e profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Inmaculada López Silva

A USC e a Xunta de Galicia editan o libro Resistir no escenario. Cara a unha historia institucional do teatro galego

Inma López Silva entre Anxo Lorenzo e Juan Blanco. Foto: USC

A USC e a Xunta de Galicia editan conxuntamente a obra Resistir no escenario. Cara a unha historia institucional do teatro galego, da escritora, crítica teatral e profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Inmaculada López Silva.

Esta monografía, en palabras da súa autora, “tenta elaborar o relato do teatro galego actual dende unha perspectiva histórica, pero tamén sociolóxica, cultura, política e económica, tendo en conta, por suposto, que no obxecto de análise hai tanto procesos en curso como procesos xa rematados que, efectivamente, fornecerán as constante do que dei en chamar ‘sistema teatral’. 

O novo título presentárono este mércores 2 no Colexio de Fonseca da USC, a propia autora acompañada do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e do director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan L. Blanco. Inmaculada López xustificou a pertinencia do traballo agora publicado sinalando que “o teatro, a literatura e calquera outra arte só se explican na medida en que mudan para servir á sociedade na que se inscriben”. 

No caso particular da arte escénica en Galicia, a autora alude a “un contexto en permanente conflito e en constante autoconstrución”, onde a “forte conciencia identitaria dunha comunidade recente (especialmente dende un punto de vista político) fai que os discursos culturais e artísticos dirixan o seu poder simbólico cara á súa propia protección, supervivencia e, se se quer, resistencia”. O volume parte da definición do que se entende por “teatro galego” no marco da comunidade cultural de Galicia, “con todas as implicacións de orde identitaria, ideolóxica e política que iso ten”, de xeito que tratamos de realizar unha descrición completa do teatro galego como sistema”. 

A continuación o relato de Inmaculada López Silva mergúllase na incidencia das institucións na actividade teatral. “Neste libro falamos das institucións cun campo cultura concreto como é o teatro como aquelas entidades, mecanismos e formas de organización que se encargan de mediar entre os distintos axentes que participan nel para que o propio sistema funcione”, afirma no limiar a autora.