As Memorias del Arzobispado de Santiago rexistran nos cincocentos corenta e cinco folios orixinais a "descrición puntillosa da organización da diocese compostelá", incluíndo visitas á práctica totalidade da súas fortalezas, hospitais e parroquias, "a impagable descrición das súas vilas e cidades, xunto cunha historia sucinta do Apóstolo Santiago". "Confeccionadas con rigor" entre 1603 e 1620 polo canónigo cardeal Jerónimo del Hoyo, catrocentos anos despois este manuscrito recupera plena actualidade coa publicación dun volume de máis de mil páxinas coa reprodución facsimilar da obra de del Hoyo nunha edición elaborada pola USC e o Consorcio de Santiago coa colaboración do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela na imprenta universitaria.
O novo volume presentouse este mércores 21 nun acto público no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome que presidiu o reitor Juan Viaño, xunto co alcalde de Santiago e presidente do Consorcio compostelá, Martiño Noriega; a xerenta do Consorcio, Belén Hernández Lafuente; o director do Arquivo Diocesano, Salvador Domato Búa; e o autor da introdución desta reprodución, Simón Vicente López. Na mesa presidencial tamén estiveron presentes, os directores dos servizos de Publicacións do Consorcio e da USC, Juan Conde Roa e Juan Blanco Valdés, respectivamente.
As Memorias son o rexistro de canto atopou Jerónimo del Hoyo na visita pastoral realizada en nome do arcebispo Maximiliano de Austria ao longo de tres décadas. Como subliña o director do Arquivo Doicesano, séculos despois a obra “continúa sendo imprescindible para o estudo da Idade Moderna en Galicia”.
Como afirmou o reitor na presentación “o valor da paciente, minuciosa e esmerada relación manuscrita de don Jerónimo reside no extraordinario valor descritivo de todas as freguesías que recolle, puntualmente organizadas polos seus arciprestados, unha achega documental da Galicia do primeiro cuarto do século XVII que, sen dúbida, podemos cualificar sen temor á esaxeración de absolutamente monumental”. Abundando na súa importancia como fonte de investigación histórica, Viaño cualificou este novo volume como unha “imprescindible” ferramenta documental para o coñecemento da Idade Moderna en Galicia.
Esta co edición da USC e o Consorcio de Santiago inscríbese no marco dun convenio asinado en 1993 e ao abeiro do que xa se editaron un abano de títulos con temáticas que abarcan dende a realidade xacobea á historia medieval, moderna e contemporánea de Santiago, pasando polo urbanismo, a arquitectura, a arte ou a historia de cátedras universitarias, “rexamente imbricadas, como non podía ser doutra maneira, no devir histórico da urbe compostelá”, engadiu Juan Viaño.
En alusión a esta mesmo acordo de colaboración co Consorcio, o reitor expresou a súa vontade de “renovar os votos de cooperación antiga entre as nosas dúas institucións, agradecer o seu sempre decidido apoio a este xa vello proxecto colaborativo” e emprazou ao presidente do Consorcio a “ presentarmos outras obras que poidan xurdir no futuro e a impulsar tamén outras colaboracións que importan ás xentes de Santiago como pode ser o estado do Campus Vida”.