A USC participa na Semana do Libro de Compostela con 60 das súas novidades editoriais

Junio, 06, 2017

A USC participa na Semana do Libro de Compostela con 60 das súas novidades editoriais

SELICA USC participa estes días na Semana do Libro de Compostela (SELIC), aberta ao público na praza da Quintana ata o próximo 11 de xuño e organizada pola Concellaría de Acción Cultural. A Universidade compostelá estará representada polo seu Servizo de Publicacións cun total de 60 títulos, a maior parte destes novidades dispoñibles para a súa venda e representativos das diversas liñas editoriais da editora universitaria.

Nun deseño expositivo aberto e diferente ao das tradicionais feiras editoriais, a SELIC reúne 32 expositores entre editoras, tanto privadas como institucionais, librarías e bibliotecas que representan unha significativa mostra do sector do libro da cidade. A SELIC nace con vocación de permanencia e futuro segundo afirmou o alcalde da cidade, Martiño Noriega, no acto inaugural. Ademais da exposición e venda de novidades das empresas e institucións participantes, SELIC inclúe un amplo programa de sinaturas, presentacións, mesas redondas ou conversas con autores. Ademais, a carpa translúcida que acolle o evento dispón dun xardín-espazo lúdico para os/as máis pequenos/as.