A USC reedita o facsímile de Astronomía a simple vista de Ramón María Aller Ulloa

Diciembre, 29, 2014

Ademais, publica a edición en inglés do vídeo 'Ramón María Aller, astrónomo'

A USC reedita o facsímile de Astronomía a simple vista de Ramón María Aller Ulloa

Astronomía a simple vistaO Servizo de Publicacións da USC, en colaboración coa FECYT, vén de tirar do prelo a segunda edición facsimilar do libro Astronomía a Simple Vista do catedrático matemático e astrónomo lalinense Ramón María Aller Ulloa (1878-1966) que hoxe dá nome ao Observatorio Astronómico da USC.

 

O libro, editado orixinalmente en Santiago de Compostela pola Editorial Libraría Porto en 1948, mantén intacto o seu valor científico pois, malia os extraordinarios avances da ciencia astronómica nas últimas décadas, os seus fundamentos básicos se manteñen vixentes. Por esa razón, en 1998, cando o libro cumpría o medio século, a Universidade de Santiago de Compostela xunto co Concello de Lalín decidiron colaborar na reprodución facsimilar da edición orixinal.

Na actualidade, e a dous anos de lembrar a Ramón María Aller no seu 50 cabodano, o director do Observatorio universitario compostelán, José Ángel Docobo Durántez, como parte do desenvolvemento do programa divulgativo TODOCOSMOS financiado pola FECYT e no que participan unha morea de concellos de Galicia, propuxo esta segunda edición facsimilar da obra orixinal, tendo en conta o éxito alcanzado pola edición anterior, que, de feito, constitúe xa unha rareza bibliográfica.

Esta nova edición procura que as novas xeracións sigan achegándose á figura do padre Aller “e gozando da súa finura didáctica que, con inusual habelencia, pon os conceptos da ciencia astronómica ao alcance de todos, facendo así posible que unha obra clásica da divulgación astronómica siga ao dispor da sociedade”, afirma Docobo.

Novas versións do vídeo

Por outra banda, o Servizo de Medios Audiovisuais da USC, tamén no marco do programa TODOCOSMOS, acaba de actualizar as versións en galego e castelán do vídeo dirixido polo profesor Docobo ‘Ramón María Aller, astrónomo’ ao cal se incorporaron imaxes das novas instalacións do observatorio de Lalín. Ademais, e tamén co patrocinio da FECYT, editouse por primeira vez a súa versión en inglés. Os tres vídeos están ao dispor do público na web da USC na sección USC TV.