A USC, a Xunta de Galicia e o Concello de Betanzos co editan o libro Carlos López-García Picos. Música a orillas del Atlántico , unha exhaustiva e documentada biografía, tanto persoal como musical, do compositor betanceiro (1922-2009) que, tanto no exilio tras a Guerra Civil como logo no seu retorno a Galicia dende 1984, desenvolveu unha intensa carreira de creación musical composta por un rico catálogo de 141 obras, obras sinfónicas, cuartetos, obras para piano ou para violoncello, entre outras.
O volume presentárono este venres na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez; o autor do libro, o pianista e investigador Javier Ares Espiño; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a concelleira delegada de Cultura do Concello de Betanzos, María Barral; e o director de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés.
A obra baséase na tese de doutoramento de Javier Ares que lle dirixiu o catedrático de Historia da Música da USC Carlos Villanueva, e foi co editada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, o Concello de Betanzos e o grupo de investigación da USC "Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia". O relato presentado nas 416 páxinas que conforman o volume permite, segundo sinala o autor, "entender mellor as súas etapas de silencio compositivo, a evolución na súa linguaxe, as fases de sucesións de estrenos e as circunstancias e personaxes que o rodearon propiciando mutuas influencias que explican moitos dos acontecementos que se relatan".
A idea de realizar esta monografía ten como punto de partida a escasa información existente sobre o compositor, explicou na presentación Javier Ares, para quen a motivación de abordar o traballo é dobre, "partíamos dun coñecemento previo de gran parte dos materiais así como dun tenue contacto coa obra pianística que o compositor realizara", ao que sumou "un contacto directo con Carlos López García-Picos tras o seu regreso a Galicia e o seu establecemento definitivo en Betanzos", sendo o compositor brigantino o responsable dos primeiros pasos pianístico do autor do libro.
O libro presentado aspira a deixar constancia do "compromiso constante de López-García Picos coa colectividade galega e que se reflexa en moitos aspectos das súas composicións, na súa actividade en varias asociacións de compositores e na súa faceta como director de distintas agrupacións corais", explicou Ares Espiño. Carlos López "é un exiliado político en toda regra (por vía paterna) que soubo manter unha coherencia política e ideolóxica con relación ao galeguismo ou ao franquismo", puntualiza no prólogo o profesor Carlos Villanueva, situación que viviu "con suma sinxeleza e sen os grandes discursos teóricos ou reflexións que normalmente acompañan a moitos exiliados no seu retorno".
En Arxentina, "como promesa da música galega, acompañando e facendo tertulia cos grandes ideólogos do galeguismo, con estrenos, premios e recoñecementos en centros e institucións de prestixio ou a súa pertenza á Asociación de Novos Compositores sitúano nunha plataforma da que saltou sen grandes ruídos" e que o levaría a estudar con profesores "discretos e de calidade ou a lograr unha bolsa para estudar en París", relata Carlos Villanueva. En 1984 regresa a Galicia e desenvolve a súa etapa máis frutífera dende o punto de vista compositivo.