Entrega da Certificación UNE-ISO 9001 ao selo de calidade "USC Editora" do Servizo de Publicacións da USC

Marzo, 04, 2014

O selo de calidade " USC Editora" do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC recibirá este mércores 5 a certificación UNE-ISO 9001 que acredita sistemas de xestión da calidade. Concedida por AENOR, a certificación inscríbese na política de calidade da USC orientada, entre outros obxectivos, a desenvolver procedementos para acreditar servizos. Pola súa banda, tamén a Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) á que pertence a USC promove entre os seus asociados a creación de selos de calidade certificada.

O reitor Juan Casares recibirá esta certificación de mans do director de AENOR Galicia, Marín Pita López, no transcurso dun acto este mércores 5 a partir das 12.00 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Estarán presentes ademais a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, e o director do Servizo de Publicación, Juan Blanco. 

En opinión do director de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés, "a acreditación foi complexa, pero sobradamente compensada pois implica establecer e sistematizar obxectivos de calidade, de revisión periódica, que evidencian os procesos que rexen o selo, incrementando a súa eficiencia, a satisfacción dos nosos autores e autoras e a consideración e prestixio da edición universitaria no seu conxunto".