Inaugurada na Facultade de Filoloxía a exposición ‘Navegar en mar aberto’ con motivo dos 44 anos da revista “Dorna. Expresión Poética Galega”

Octubre, 17, 2025

Permanecerá aberta ata remates de 2025 e recolle todo tipo de materiais impresos que dan conta da historia da publicación

Inaugurada na Facultade de Filoloxía a exposición ‘Navegar en mar aberto’ con motivo dos 44 anos da revista “Dorna. Expresión Poética Galega”
Na presentación do evento, de dereita a esquerda, o artista e performancer Leo de Matamá; Juan L. Blanco Valdés, director de Edicións USC; Elsa González, vicedecana de cultura; Chus Nogueira, directora de Dorna e Elias Torres, decano de Filoloxía.

En 1981, promovida por un grupo de entusiastas e moi novos poetas, botábase ao mar unha publicación lírica, que, baixo o fermoso nome dunha embarcación típica das Rías Baixas, a dorna, recollía un monllo de composicións no que, naquela altura, era pouco máis que un fanzine, fresco, espontáneo e de futuro incerto. Aquel fanzine foi madurecendo e, pouco e pouco, tomando a forma do que hoxe, case medio século despois de alento lírico e produción poética, é un referente na cultura, nas letras e na estética contemporánea do país. Editada pola Universidade de Santiago de Compostela, a través de Edicións USC, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua (Xunta de Galicia), Dorna. Expresión Poética Galega é unha publicación miscelánea e periódica de poesía co nomeado obxectivo de ofrecer unha canle editorial aos autores e autoras noveis con arelas no cultivo lírico da lingua galega, aínda que tamén recolle con frecuencia a voz de poetas xa consagrados. A publicación, sempre ilustrada por un/ha artista específico para cada entrega, vén incorporando tradicionalmente tres seccións: Creación, onde se inclúen os poemas orixinais e inéditos dos colaboradores de cada volume; Voces de Fóra, sección de traducións para lingua galega, que se ofrecen a carón dos poemas na lingua original de poetas contemporáneos de todas as latitudes; Poéticas, escolmas significativas, realizadas polos propios poetas de entre a súa produción. Desde 2024, a revista conta cun novo equipo de redacción, composto por Mª Xesús Nogueira (directora),  María Alonso Alonso, Fernando López Casal, Carlos Pérez Varela e Jorge Rodríguez Durán. A exposición inaugurada onte pretende, ademais de facer historia, dinamizar a creación e expresión poética en galego entre as novas xeracións.