O texto 'O segredo de Moira' de María González Blanco, de Cambados, foi elixido gañador do Premio Relato Curto da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, a cuxa undécima edición concorreron un total de 42 orixinais. O xurado subliñouno como "unha aposta narrativa arriscada e ben resolta, que engancha e intriga ao lector dende o comezo". Tamén destacou o feito de que basee a súa estrutura nunha ficción imposible -a contemplación da propia vida por parte do home e da muller protagonista- e na que se recorre a un sutil emprego da anagnórese -recurso consistente no recoñecemento ou descubrimento por parte dunha personaxe sobre datos esenciais da súa identidade- para achegar verosimilitude a diferentes afectos, entre os que resalta a dualidade entre amor e desamor.
Debido á calidade dos textos recibidos, o xurado decidiu tamén outorgar un total de tres accésits a modo de recoñecemento literario. O primeiro deles foi para o relato ‘Un monólogo para ‘ Mrs. Musgrove’ de Noelia Cendán Teijeiro de Cospeito (Lugo); o segundo para ‘A piccola violinista’ de Monserrat Pis Marcos de Santiago de Compostela; e o terceiro para ‘Local hero’ de Héctor Cajaraville Araújo. Neste edición, o certamen literario contou co patrocinio do Instituto Policlínico La Rosaleda.
O xurado encargado da valoración dos traballos, e cuxo ditame emitiu por unanimidade, constituíno a catedrática de Filoloxía Románica Mercedes Brea López; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés; e a mestra do colexio público de Abelendo de Moaña; ademais da profesora do IV Ciclo Mar Fernández que interveu en calidade de secretaria, con voz pero sen voto. O xurado ponderou a calidade, creatividade e bo facer literario da maioría dos relatos presentados.