Miradas moi diferentes no número 12 da revista Quintana

Marzo, 03, 2015

Miradas moi diferentes no número 12 da revista Quintana

Alfredo Vigo Trasancos, en primeiro termo, é o novo director da publicación (Foto:SERVIMAV-USC)

'Arredor da mirada' é o eixo temático en torno ao que xira o número 12 da revista Quintana que o Departamento de Historia da Arte da USC presentou este martes na Facultade de Xeografía e Historia. No acto interviñeron o vicerreitor de Comunicación, Xosé Pereira; o novo director da publicación, Alfredo Vigo Trasancos, que substitúe a profesora María Luisa Sobrino; o vicedecano da Facultade, Jesús Balboa; o director do departamento de Historia da Arte, Enrique Fernández; e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Luis Blanco Valdés.

No novo número recoñecidos investigadores abordan a temática do volume con miradas moi diferentes, como José Manuel Vázquez Varela, Didier Martens, Víctor I. Stoichita e José Luís Castro de Paz, que abranguen dende a visión prehistórica ata o Renacemento ou cuestións vinculadas á cinematografía.

Pola súa banda, a sección de Colaboracións inclúe traballos moi singulares como os de Gladys Noemí Arana López, Xosé Antón Castro Fernández, Juan David Díaz López, Francisco Juan García Gómez, Jorge Martínez Montero, Iván Rega Castro, Jesús Ángel Sánchez García, Bárbara Santos Mato e Carlos Tejo Veloso, que estudan aspectos relacionados coa arquitectura mexicana e nacional nas súas tipoloxías, tradicións, usos e diferentes cerimonias representativas do ámbito cortesán; os conxuntos históricos galegos; o labirinto de Pontevedra ideado por Robert Morris; o cine a través de Enrico María Salerno ou Jacques Demy; ou a XVIII Bienal de Sidney.

En Escritos sobre... Ángel Luís Hueso Montón rescata un texto pouco coñecido do cineasta galego exiliado en México Carlos Velo titulado ‘Ritmo e Cinema’. Feitos e tendencias, outro apartado habitual da revista, recolle traballos de Roque Lazcano e José Luís Vila Leirós.

Unha das máis valoradas

Quintana é unha das revistas máis valoradas da súa especialidade, como o mostra a súa inclusión en 21 bases de datos nacionais e estranxeiras e, recentemente, no SCImago Journal & Country Rank (SJR) e no European Reference Index for the Humanities (ERIH) da European Science Foundation.