Na inauguración do Campus da Cidadanía da USC, o director de Publicacións participa nunha mesa redonda sobre A utopía no horizonte da cidadanía

Diciembre, 19, 2016

Tivo lugar no salón de actos da Facultade de Filosofía unha conversa-coloquio sobre as utopías, celebrando a primeira edición da Utopia de Tomás Moro en 1516

Na inauguración do Campus da Cidadanía da USC, o director de Publicacións participa nunha mesa redonda sobre A utopía no horizonte da cidadanía

 
Na imaxe, de esqureda a dereita, Juan L. Blanco Valdés; Andrés Torres Queiruga; Helena de Carlos; Carmen Blanco, An Costa e José A. CarideNo acto de presentación pública do Campus da Cidadanía da USC, na tarde do 13 de decembro, tivo lugar no salón de actos da Facultade de Filosofía unha conversa-coloquio sobre as utopías, celebrando a primeira edición da Utopia de Tomás Moro en 1516 e tomando como pretexto a edición galega de 2011 editada pola USC en colaboración coa Fundación BBVA na colección 'Clásicos do Pensamento Universal' dirixida por Dario Villanueva.

A sesión moderouna o profesor Juan M. Monterroso e nela interviñeron o director de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés; o autor do prólogo á obra en galego, Andrés Torres Queiruga; a tradutora da obra ao galego, Helena de Carlos Villamarín; a profesora da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo Carmen Blanco García; e o catedrático de Historia da Educación Antón Costa Rico.

Na súa intervención, e en relación a varias liñas estratéxicas do Campus da Cidadanía (transferencia do coñecemento; estímulo ás ciencias sociais e impulso da calidade e a excelenciaI), Blanco Valdés falou como responsable da editorial da USC e tamén como vogal da Xunta Directiva da UNE para referirse ao desenvolvemento editorial de obras de natureza crítica (e non estritamente científicas) en apoio de múltiples dinámicas da sociedade actual (conflitos internacionais, especialmente na contorna do mundo árabe; inserción laboral dos xoves; violencia contra as mulleres; igualdade de xéneros...). Fixo valer, neste senso, o valor de revulsivo (un tanto utópico) que a universidade nunca debe perder. A respecto da calidade e excelencia, Blanco Valdés despregou un apretado informe sobre o camiño andado neste terreo polas editoriais universitarias individualmente (certificacións de calidade como a ISO 9901 e a EFQM) e a UNE colectivamente, coa creación do selo CEA-APQ, a convocatoria anual do cal para 2017 vén de abrirse.

Campus da Cidadanía da USC, promovido e dirixido polo cetadrático de Pedagoxía José Antonio Caride, oriéntase á creación dun ecosistema que permita unha relación moito máis intensa entre as áreas de coñecemento das ciencias sociais, ciencias xurídicas e as humanidades para lograr que os estudantes poidan recibir unha formación máis integral e multidisciplinar. Este ecosistema, denominado Campus da Cidadanía, xunto con Campus Vida e Campus Terra, aspira a ser o terceiro dos campus especializados de excelencia da Universidade de Santiago de Compostela.