Novo volume dos 'Cuadernos de español como lengua extranjera' dedicado á web colaborativa como recurso de aprendizaxe

Febrero, 25, 2016

Novo volume dos

"O ámbito da educación non pode manterse á marxe de internet, e a función dos docentes é tamén explorar novos modos de integración da comunicación dixital na aula e rendibilizar as súas posibilidades pedagóxicas". Así explicou esta mañá a profesora da Universidade de Islandia Pilar Concheiro Coello a pertinencia do cuarto volume da colección 'Cuadernos de español como lengua extranjera' do que é autora e que se presentou en Filoloxía.

A presentación do caderno ELE y la web social. Actividades para el aula de español B1-B2 estivo presidida polo vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto Javier López, e a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido, e nela interviñeron, ademais da autora, a decana da facultade anfitrioa, María José López Couso; e o director de Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan L. Blanco Valdés. 

Enmarcado nunha exitosa colección de cadernos didácticos da USC dedicados ao ensino de español como lingua estranxeira que co dirixen Marta Blanco, Nuria Galán e Rocío Barros, o novo volume é unha proposta para a aplicación no aula da web colaborativa para estimular unha aprendizaxe na que o alumnado interactúe, colabore, crea e comparta contidos. 

Concibido como material complementario (para niveis B1-B2), o caderno ELE y la web social estrutúrase en catro unidades de traballo baseadas na explotación didáctica de tres aplicacións (Woices, Voicethread e Flickr), unha rede social (Facebook) e un blog de aula creado con Blogger, que inclúen ao final unha ficha de autoavaliación. Os docentes poderán atopar información sobre outras propostas de actividades e algunhas cuestións prácticas na guía para os profesores que aparece ao final do libro e que complementa cada unha das unidades. O caderno complétase cun glosario de termos especializados, un apartado de solucións, bibliografía e recursos en liña. 

Como explicou a autora na presentación, o caderno é froito da experiencia real docente con alumnado “e nace pola necesidade de fomentar a comunicación e  a interacción entre o estudantado, dous puntos fundamentais á hora de aprender e practicar una lingua”. Da obra Concheiro destaca a versatilidade do conxunto de actividades que se presentan, “xa que que aínda que o caderno pertence a unha colección dedicada ao ensino e aprendizaxe do español coma lingua estranxeira, todas elas poden ser utilizadas por docentes de calquera outra lingua”.  

A colección 
colección ‘Cuadernos de español como lengua extranjera’ editada pola USC xurde da colaboración entre o Centro de Linguas Modernas, a Facultade de Filoloxía e Cursos Internacionais. Inaugurou a serie un caderno que tomaba como partida o filme de Pedro Almodóvar ‘Todo sobre mi madre’ para continuar con El español idiomático da juego e Letra y música.