O Boletín Galego de Literatura comeza a súa andaina dixital

Mayo, 08, 2014

A súa incorporación ao portal dixital de revistas da USC, eleva a dezanove o catálogo universitario neste formato

O Boletín Galego de Literatura comeza a súa andaina dixital

Boletin Galego de Literatura

A revista Boletín Galego de Literatura , fundada en 1989 polo catedrático de Literatura Galega Anxo Tarrío e dende entón dirixida por el, acaba de incorporarse ao portal dixital de revistas da USCRev{USC}, que dende 2012 administra e xestiona o Servizo de Publicacións.

O volume recentemente editado que inaugura a nova andaina dixital da revista é o número 46, un monográfico coordinado por María Teresa Vilariño Picos e que, baixo o título ‘Textos a escape’, se consagra á literatura e a cultura na era dixital. O volume 47, pola súa banda, xa ten aberto o prazo para a recepción de artigos.

O Boletín edítase en acceso aberto, dando así continuidade, na súa forma dixital, a unha publicación de referencia, integramente redactada en lingua galega, no terreo da crítica e a historiografía sobre calquera literatura do mundo e tamén na investigación en Teoría da Literatura, Crítica Literaria, Poética ou Retórica, é dicir, todo o campo de coñecemento de tan longa tradición como o desenvolvido ao redor do feito literario nun senso amplo. 

Con esta incorporación son xa dezanove as revistas da USC que se editan dixitalmente, seis delas en acceso aberto diferido (seis meses) e as restantes en acceso aberto nativo. Por outra parte, a editorial universitaria acaba de asociarse nestes días á corporación PILA (Publishers International Linking Association)- CrossRef, entidade que administra un sistema de identificadores dixitais (DOI) e referencias cruzadas de artigos científicos en Internet, que, en opinión do director do Servizo de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés, “vai impulsar a visibilización e incrementar de maneira moi significativa o impacto internacional das nosas revistas e publicacións”.