O Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes estrea a súa colección monográfica

Marzo, 06, 2014

O Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes estrea a súa colección monográfica

Trans-Fronteiras ExpressO Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE) da USC inaugura a súa colección de monografías "Cadernos CIPPCE" sobre emerxencia cultural coa obra colectiva Trans-Fronteiras Express. Reflexións teórico-críticas sobre hibridación e emerxencia cultural e literaria, que edita en formato dixital nativo o Servizo de Publicacións. 

'Cadernos CIPPCE' constitúe unha serie aberta, sen periodicidade prestablecida, destinada ao público universitario e investigador nacional e internacional que compila achegas significativas nos campos da emerxencia artístico-literaria e, máis en xeral, de procesos culturais emerxentes, sen restricións territoriais nin lingüísticas. 

O CIPPCE

O CIPPCE é un centro propio da USC constituído formalmente no ano 2010, promovido por oito grupos de investigación e dirixido dende os seus inicios polo profesor da área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada Arturo Casas Vales.

Este centro aborda o estudo científico dos fenómenos de emerxencia artístico-literaria e dos procesos culturais emerxentes. Neste contexto e sen restrición a marcos territoriais ou lingüísticos específicos, o seu ámbito de investigacións abrangue coordenadas abertas, entre o local e o global, referidas a manifestacións de carácter nacional ou internacional, así como a prácticas culturais asociadas a comunidades, colectivos ou mesmo axentes individuais. 

O CIPPCE ocúpase igualmente de analizar a reacción das disciplinas tradicionais perante as novas realidades culturais sinaladas e a aparición correlativa de alternativas metodolóxicas e heurísticas. O Centro ten a súa sede nas dependencias da Facultade de Filoloxía, á que están adscritos cinco dos oito grupos de investigación promotores.