O Comité Científico da colección Clásicos do Pensamento Universal aproba os novos títulos para o período 2017-2019

Junio, 14, 2016

Universidade de Santiago de Compostela

O Comité Científico da colección Clásicos do Pensamento Universal aproba os novos títulos para o período 2017-2019

A xuntanza celebrouse nas instalacións do Servizo de PublicaciónsO Comité Científico da colección Clásicos do Pensamento Universal acaba de aprobar os novos títulos que se incorporarán a este compendio literario no bienio 2017-2019. Trátase de O pensamento salvaxe de Claude Lévi-Strauss, Breve historia do tempo de Stephen Hawking, Cadro da natureza de Alexander von Humboldt, Escolma de textos de Antonio Gramsci, A riqueza das nacións de Adam Smith, Sobre a liberdade de John S. Mill e o Manifesto comunista de Karl Marx e Friedrich Engels.

A planificación dos vindeiros anos foi un dos puntos da xuntanza anual que o Comité Científico celebrou na USC coa asistencia do director da Real Academia Española e director da colección, o catedrático Darío Villanueva, e os profesores Carlos Baliñas, Ramón Máiz, Antón Santamarina e José Sordo, ademais do director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco Valdés. A colección Clásicos do Pensamento Universal reúne unha serie de volumes traducidos ao galego dende as súas linguas orixinais e prologados por figuras destacadas do ámbito científico e académico, a ser posible da propia universidade compostelá. Esta é unha iniciativa que promoven dende 2002 a USC e a Fundación BBVA estando deseñada, editada e producida integramente polo Servizo de Publicacións e a Imprenta Universitaria compostelá. 

O Comité tamén revisou a actual carteira de edición, que contempla a publicación inminente dunha escolma d’ Os Ensaios de Montaigne e de Democracia e educación de John Dewey Ademais, entre o outono de 2016 e o primeiro trimestre de 2017 está prevista a saída de O federalista de J. Madison, A. Hamilton e J. Jay e de Leviatán de Thomas. Hobbes.