O Comité científico de Clásicos do Pensamento Universal aproba a programación editorial desta colección ata 2020

Junio, 27, 2017

O Comité científico de Clásicos do Pensamento Universal aproba a programación editorial desta colección ata 2020

De esquerda a dereita, José Castillo, José Sordo, Darío Villanueva, Juan Blanco, Carlos Baliñas e Antón SantamarinaO comité científico da colección Clásicos do Pensamento Universalaprobou a programación futura desta liña editorial ata o ano 2020, que incorpora os títulos Os tónicos da vontade. Regras e consellos sobre a investigación científica de Santiago Ramón y Cajal ou Eichmann en Xerusalén. Un estudo sobre a banalidade do mal de H. Arendt.

Baixo a presidencia do director da colección, o profesor Darío Villanueva, o comité reuniuse no Servizo de Publicacións coa presenza dos profesores Carlos Baliñas (Fac. de Filosofía), José Castillo (Fac. de Medicina), Ramón Máiz (Fac. de Dereito),  José Sordo (Fac. de Farmacia) e Antón Santamarina (Fac. de Filoloxía). A xuntanza permitiu facer balance da carteira editorial para o trienio 2017/19, período para o que están programados Leviatán, de Thomas Hobbes; Sobre a liberdade, de J. S. Mill; Cadros da natureza, de A. von Humboldt; Breve historia do tempo, de S. Hawking; Escritos dende o cárcere, de A. Gramsci; A riqueza das nacións, de A. Smith; Manifesto comunista, de K. Marx e F. Engels e O pensamento salvaxe, de H. Lévi-Strauss. 

Por outra parte, o director de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés,  informou ao comité do proxecto de dixitalización de títulos da colección, que a editorial universitaria e o departamento de espazo dixital da FBBVA están poñendo en marcha  e que se irá definindo ao longo deste ano 2017. 

Clásicos do Pensamento Universal 
Clásicos do Pensamento Universal, que dende 2002 a USC coedita coa Fundación BBVA, cumpre este ano quince anos e chega xa aos 29 volumes editados. Esta colección reúne unha serie de volumes traducidos ao galego dende as linguas orixinais e prologados por figuras destacadas do ámbito científico e académico, a ser posible da propia universidade compostelá. 

Nos procesos de creación, tradutor/a e prologuista, traballan en estreita colaboración para asegurar a maior coherencia do produto final e así facultar ao lector moderno a penetrar no texto coa guía metodolóxica e a imprescindible contextualización da obra traducida e o seu autor, que ofrece o prólogo introdutorio do especialista.

Pie de foto. De esquerda a dereita, José Castillo, José Sordo, Darío Villanueva, Juan Blanco, Carlos Baliñas e Antón Santamarina