O director do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago, Juan L. Blanco Valdés, asiste este venres 25 en Madrid á primeira reunión da nova xunta directiva da Unión de Editoriais Universitarias (UNE), elixida o pasado mes de novembro na Universidade Pontifica de Salamanca.
Como vogal da xunta directiva, Blanco Valdés ten encomendadas tarefas relacionadas coa difusión do libro universitario e do libro electrónico. A esta xuntanza leva numerosos asuntos a tratar, como a dinamización da librería electrónica da UNE, unebook.es; o incremento da presenza en redes sociais; as propostas de implantación dun sistema de préstamo bibliotecario de ebooks e de ampliación do horizonte de dixitalización de revistas a través do sistema OJS (recentemente implantado na USC); e a análise das estratexias corporativas da UNE en relación ao acceso aberto, especialmente no que atinxe ao desenvolvemento de cadros estables de colaboración coa FECYT e o grupo de traballoMedOAnet, do que o director de Publicacións da USC forma parte.