O home unidimensional, da Colección Clásicos do Pensamento Universal, seleccionado para os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

Abril, 01, 2013

O libro O home unidimensional, da  Colección Clásico do Pensamento Universal que edita a Universidade de Santiago e a Fundación BBVA, acaba de ser seleccionado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega entre os finalistas dos seus premios á mellor obra publicada en 2012. O volume concorre na categoría de tradución, tarefa da que se encargou Jesús Saavedra.

Clásicos do Pensamento Universal

Esta colección reúne unha serie de volumes traducidos ao galego dende as linguas orixinais e prologados por figuras destacadas do ámbito científico e académico, a ser posible da propia universidade compostelá. Nos procesos de creación, tradutor/a e prologuista, traballan en estreita colaboración para asegurar a maior coherencia do produto final e así facultar ao lector moderno a penetrar no texto coa guía metodolóxica e a imprescindible contextualización da obra traducida e o seu autor, que ofrece o prólogo introdutorio do especialista. 

Esta iniciativa editorial xa foi merecedora con anterioridade do premio á mellor colección de 2011 dos Premios Nacionais de Edición Universitaria, un recoñecemento "á coidada edición e á proxección social e valor cultural que supón verter as obras do pensamento universal á lingua galega", subliñou o xurado.