O libro Entre lo biológico y lo artificial. Selección de publicaciones lembra a contribución científica de José Mira Mira

Noviembre, 28, 2014

O libro Entre lo biológico y lo artificial. Selección de publicaciones lembra a contribución científica de José Mira Mira

Presentación "Entre lo biológico y lo artificial"

Co título Entre lo biológico y lo artificial. Selección de publicaciones , o Servizo de Publicacións acaba de editar unha escolma de artigos científicos en castelán e inglés do que fora catedrático de Electrónica e director de departamento da USC entre 1981 e 1989 José Mira Mira (1944-2008). 

A obra inclúese nun convenio entre a USC e a Rede Temática de Tecnoloxías de Computación Artificial/Natural (RTNAC) e incorpora o segundo volume da serie ‘José Mira Mira’ en Neurociencia e Computación (bautizada precisamente en recoñecemento e memoria do investigador) inaugurada en 2010 coa edición de Dinámica cerebral de Justo Gonzalo.

O novo volume de preto de 1.000 páxinas presentouse publicamente este venres 28 no Colexio de San Xerome nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño xunto a quen tamén interviñeron o vicerreitor de Internacionalización e Cooperación da Universidade Politécnica de Cartaxena e coordinador da RTNAC, José Manuel Fernández Vicente; a catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UNED e viúva de José Mira, Ana E. Delgado García; o director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da UNED, Rafael Martínez Tomás; e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés.

A obra incorpora o facsímile dun conxunto de 56 artigos, en boa parte escritos en colaboración con outros autores,e ditados entre 1969 e 2009 en prestixiosas revistas de computación, neurociencia e intelixencia artificial. Os artigos reproducidos, distribuídos en tres partes, van acompañados de 24 escritos orixinais e redactados especialmente para esta edición por colaboradores do investigador.

A reedición de parte da produción científica de José Mira por parte da USC e a RTNAC recupera nun único volume un elenco de traballos que testemuña a extraordinaria dimensión, nacional e internacional da obra do investigador. Os traballos achéganse a terreos como as relacións entre neurociencia e computación, os límites da bioloxía (e outras ciencias como a física ou as matemáticas) e a computación ou a inspiración biolóxica para a formulación de novos modelos de computación neuronal. Mira asinou máis de 300 artigos e colaboracións científicas e dirixiu 28 teses de doutoramento. No ano 2000 foi merecedor da Insignia de Ouro da USC.

Serie José Mira Mira

A serie José Mira Mira en Neurociencia e Computación está auspiciada pola RTNAC e a USC e o seu nome quere lembrar ao gran promotor desta liña de traballo. O seu obxectivo será recompilar os mellores textos daqueles científicos de excelencia pioneiros en xuntar computación natural e artificial. 

O movemento interdisciplinar entre computación natural e artificial ten a súa orixe no nacemento da neurocibernética e a biónica e parte da idea básica de que tanto os seres vivos como as máquinas poden estudarse usando os mesmos principios organizacionais e as mesmas ferramentas formais.