O selo de calidade 'USC Editora' do Servizo de Publicacións da USC recibe a Certificación UNE-ISO 9001

Marzo, 05, 2014

O selo de calidade

O acto de entrega da certificación celebrouse no Salón de Graos de San Xerome. Foto: Servimav-USC

O selo de calidade ' USC Editora' do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC acaba de recibir este mércores 5 a certificación UNE-ISO 9001 que acredita sistemas de xestión da calidade. Concedida por AENOR, a certificación inscríbese na política de calidade da USC orientada, entre outros obxectivos, a desenvolver procedementos para acreditar servizos. Pola súa banda, tamén a Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE), á que pertence a USC como socia fundadora, promove entre os seus asociados a creación de selos de calidade certificada.

O reitor Juan Casares recibiu esta certificación de mans do director de AENOR Galicia, Martín Pita López, no transcurso dun acto este mércores 5 no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Estiveron presentes ademais a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, e o director do Servizo de Publicación, Juan Blanco.

En opinión de Juan L. Blanco Valdés, “a acreditación foi complexa, pero sobradamente compensada pois implica establecer e sistematizar obxectivos de calidade, de revisión periódica, que evidencian os procesos que rexen o selo, incrementando a súa eficiencia, a satisfacción dos nosos autores e autoras e a consideración e prestixio da edición universitaria no seu conxunto”.

USC Editora

Herdeiro da vella colección Monografías da USC —que entre 1971 e 2009 publicou 219 títulos—, USC Editora foi creado en 2009 a instancias do entón vicerreitor de Cultura, Elias Torres, e a dirección académica do profesor Antonio Azaustre. A través das series Académica , Clave ,Cuadernos de Español como Lengua ExtranjeraEnsaioManuais e Textos, concíbese como un selo comercial da USC rexistrado como marca europea que, dentro do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, proporciona canle editorial a unha serie de publicacións sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta, ademais, cun elenco estable de 17 editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa. 

Consciente da importancia do recoñecemento externo da calidade do selo USC Editora, o Servizo de Publicacións universitario decidiu levar a cabo a implantación dun sistema de calidade seguindo as directrices da Norma UNE-ISO 9001, que certifica sistemas de xestión da calidade. Neste marco establécense obxectivos de calidade que son revisados anualmente e coa implicación de todo o equipo de traballo na consecución dos mesmos, perséguese mellorar de forma continua a eficacia e eficiencia dos procesos que rexen o selo USC Editora, incrementando así a confianza e satisfacción dos autores nesta opción editorial e o impacto, tanto académico como comercial, das obras editados baixo o selo.