O Selo USC Editora supera a auditoría de seguimento de certificación conforme á norma ISO 9001:2015

Diciembre, 13, 2018

O Selo USC Editora supera a auditoría de seguimento de certificación conforme á norma ISO 9001:2015

Captura do portal web de USC EditoraO Selo USC Editora acaba de superar a auditoría de seguimento anual de certificación do seu sistema de xestión de calidade conforme á norma UNE-EN ISO 9001:2015. A mediados deste mesmo ano, o Servizo de Publicacións, responsable deste selo editorial, xa se convertera no primeiro servizo universitario que conseguía a adaptación aos novos estándares.

Malia que a norma ISO 9001:2015 certifica só o selo USC Editora e non o Servizo no seu conxunto, “é certo que a auditoría de organización incorpora a práctica totalidade dos procesos que conflúen nun sistema editorial de calidade certificada”, explica o responsable do Servizo Juan Blanco. 

Entre os aspectos recollidos nesta auditoría, o informe resultante destaca como puntos fortes o grao de coñecemento dos procesos por parte da organización, o avance cualitativo mediante a implementación de aplicacións dixitais e unha decidida orientación cara á mellora continua. Nas enquisas de satisfacción realizadas entre autores, distribuidores de contidos dixitais e distribuidores convencionais como parte da auditoría de seguimento, o informe resalta que os “ resultados son moi elevados e satisfactorios”. 

Recente adaptación á norma 9001:2015 
Para o proceso de adaptación aos estándares da norma 9001:2015, o Servizo de Publicacións revisou múltiples procesos, documentación, políticas de xestión, obxectivos e indicadores do seu sistema de funcionamento para axustalos ás novas características da norma. Como explica Juan Blanco Valdés as novidades do proceso certificador refírense a unha maior esixencia e rigor na segmentación e identificación das partes interesadas na avaliación e prevención de riscos e na análise DAFO da organización. 

O propio Juan Blanco valora “moi positivamente” que esta última auditoría non detectase ningunha desviación na norma, non conformidade nin acción correctiva e inscribe tan bos resultados “ no labor dun equipo que traballa con convicción e un proxecto definido e, tamén, nunha dinámica impulsada nos últimos anos dende a edición universitaria, de cara a convencer a todos os actores implicados na mesma, e moi especialmente ás axencias de avaliación e acreditación, de que as universidades publican consonte esixencias de calidade tan rigorosas como transparentes”. 

USC Editora 
USC Editora é un selo comercial da USC rexistrado como marca e creado en 2009. Dá cabida a unha serie de publicacións, organizadas en seis coleccións, financiadas polo Servizo de publicacións  e sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta ademais cun elenco estable de editores internos que someten os orixinais a unha avaliación previa.