O volume 2 da colección Cuadernos de Español como Lengua Extranjera edítase en Exipto

Febrero, 05, 2016

O volume 2 da colección Cuadernos de Español como Lengua Extranjera edítase en Exipto

Portada do manual de fraseoloxía

A colección CELE. Cuadernos de Español como Lengua Extranjera cruza fronteiras logo de que a editorial-libraría Osiris (Cairo) edite en Exipto o seu volume 2, titulado El español idiomático da juego . Este segundo volume de CELE é unha obra da profesora do Centro de Linguas Modernas da USC Mª Carmen Losada Aldrey que se presenta como unha obra práctica de fraseoloxía española cun importante número de elementos innovadores no relativo ao tratamento dos bloque temáticos, presenza de ilustración ou no que se refire á configuración dos exercicios, entre outras cuestións.

 

A edición exipcia, promovida pola profesora de español da Ain Shams University da capital exipcia Mona Salahel Din, verificouse mediante a venda por parte do Servizo de Publicacións da USC dunha licenza de impresión de 500 exemplares á editorial Osiris. Esta tirada estará agora a disposición do numeroso alumnado de español da universidade exipcia. 

Para os promotores e editores da colección CELE (o Centro de Linguas Modernas, a Oficina de Cursos Internacionais, a Facultade de Filoloxía e o Servizo de Publicacións), esta iniciativa encádrase na frutífera estratexia de internacionalización "derivada do enorme potencial do español como segunda lingua do planeta", sinala o director do Servizo de Publicación Juan Blanco. 

CELE 

A colección Cuadernos de español como lengua extranjera nace en 2009 baixo o selo editorial de USC,editora e a iniciativa do Centro de Linguas Modernas e do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. Cada volume canaliza actividades prácticas, elaboradas por profesionais vinculados á USC, implicados no ensino do español como lingua estranxeira (ELE) e sensibilizados coas necesidades desta faceta da realidade académica actual. Ã? unha colección dirixida a estudantes adultos de ELE, especialmente a universitarios que participan nos programas internacionais de mobilidade de educación superior, co obxectivo de incidir de modo integral na súa formación. 

As consignas presentes na creación de cada volume da colección contemplan en todo momento dous documentos esenciais nesta área, o Marco europeo común de referencia para as linguas do Consello de Europa (2001) e o Plan curricular del Instituto Cervantes. Niveles de referencia para el español (2007). Na actualidade a colección conta con catro títulos.