Presentación do libro LIBRERÍAS CATEDRALICIAS. Un espacio del saber en la Edad Media y Moderna

Marzo, 18, 2014

Presentación do libro LIBRERÍAS CATEDRALICIAS. Un espacio del saber en la Edad Media y Moderna

Librerías CatedraliciasOs espazos librarios antigos, e especialmente os medievais, seguen exercendo popularmente un engado incomparable, que inspirou producio?ns literarias universais.

Este libro, que fala de libros, resucita reliquias dun pasado cultural tan brillante como esvaecido polos estragos do tempo: a desaparición, a ruína ou, no mellor dos casos, a transformación dos espazos físicos no seu día consagrados ás bibliotecas catedralicias minguaron drasticamente as referencias documentais que dan fe da súa existencia pretérita. Con todo, e contra o laconismo das fontes, os resultados deste libro estiveron á altura da intensidade do asedio. A creación das bibliotecas catedralicias, o seu proceso evolutivo, o papel que xogaron no marco das bibliotecas canónicas hispanas, a construción dos conxuntos monumentais que lles deron acubillo... todo iso formúlase e todo iso respóndese nestas

páxinas, unha achega, tan rica como singular, orientada a recuperar e aínda elevar o interese artístico e cultural das institucións catedralicias hispanas, tan inxustamente ignorado.
A obra, promovida editorialmente pola profesora de paleografía da USC Ana Suárez González, foi coeditada en virtude de convenio entre as Universidades de Santiago e León e inscríbese na liña de colaboración entre as editoriais agremiadas á Unión de Editoriais Universitarias españolas.

A presentación de Librerías Catedralicias terá lugar o xoves 20 de marzo ás 12:00 h na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia e intervirán os directores de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, Juan L. Blanco Valdés, e da Universidade de León, Jesús Nieto Ibáñez, e a co-autora do libro, Ana Suárez González, baixo a presidencia do Sr. Decano da Facultade, Juan M. Monterroso Montero.