Preséntase en Lugo a obra 'Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica', sobre as creacións artísticas orais ás dúas beiras do Atlántico

Diciembre, 18, 2012

na Chouciño e María Xesús Nogueira, da Facultade de Humanidades, coordinan un volume que recompila ensaios de especialistas nacionais e internacionais en literatura oral

Preséntase en Lugo a obra

De esquerda a dereita, Ana Chouciño, María Isabel González Rey, Pedro García Herradón, Lara Méndez, Juan Blanco e Mª Xesús Nogueira, durante a presentación de Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica

Presentouse na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo a obra colectivaPalabra viva. Galicia e Hispanoamérica, coordinada polas profesoras da Facultade de Humanidades Ana Chouciño e María Xesús Nogueira. No acto de presentación participaron, ademais das coordinadoras do volume, o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez López; a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey; e o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan Luis Blanco Valdés.

 

Esta obra é a décima da biblioteca da cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier da USC, publicouse a través do Servizo de Publicacións da USC, e contou co financiamento da presidencia da Deputación Provincial de Lugo. O volume constitúese a partir dunha colección de ensaios de especialistas nacionais e internacionais en torno ás creacións artísticas de carácter oral ás dúas beiras do Atlántico, cun obxectivo que as coordinadoras definen como “o desexo de dar a coñecer a inmensa riqueza e a vixencia da literatura oral galega e da América hispana nun marco académico, e de que os lectores se familiaricen cos principais métodos de recollida e transcrición”.
 
O volume componse de once artigos asinados por Arturo Casas (USC), Ana Acuña (Universidade de Vigo), Anxo Fernández Ocampo (Universidade de Vigo), Antonio Reigosa (escritor e experto en mitoloxía popular galega), Eduardo Becerra (Universidad Autónoma de Madrid), Rogelio Rodríguez Coronel (Universidad de La Habana), Margarita Vasques (Universidad de Panamá), Raquel Suñé (Universitat Rovira y Virgili), Celso Fernández (poeta e contacontos), ademais das dúas coordinadoras da edición.
 
Ponte entre culturas
Durante o acto de presentación, Ana Chouciño destacou “a necesidade de dar a coñecer deste lado do Atlántico a produción literaria de culturas como a yoruba, a cuna ou a quechua, cuxa base é principalmente a literatura oral e ás que ata o de agora non se lles prestou a debida atención”. Pola súa parte, María Xesús Nogueira lembrou a importancia da palabra oral “na recuperación do galego como lingua literaria na época do Rexurdimento”, e puxo como exemplo a recorrencia continua á oralidade por parte de Rosalía de Castro ou, xa posteriormente, por Álvaro Cunqueiro.
 
Na súa intervención, Juan Blanco referiuse ao feito de que a obra estea dedicada in memoriam a Benito Varela Jácome, “un dos nomes de ouro da nosa institución, polo seu legado académico e pola súa calidade humana”. O director do Servizo de Publicacións da USC insistiu na necesidade de “tender pontes de colaboración e de coñecemento mutuo entre o noso país e a outra beira do Atlántico, e este traballo é un magnífico exemplo de como debe facerse este labor”.
 
Para Isabel González Rey, “esta obra mostra a magnífica calidade docente e investigadora da Facultade de Humanidades, e as sinerxías que xorden do traballo conxunto entre diferentes especialistas que atopan no seu traballo puntos en común”. González Rey destacou o feito de que a cátedra Alejo Carpentier, dirixida por ana Chouciño, “teña a súa sede no noso centro”, e pediu que o traballo de recompilación das editoras “sexa recoñecido no ámbito académico, xa que a súa función é tan importante como a dos propios autores dos artigos que se reúnen”.
 
Lara Méndez felicitou as coordinadoras “por elaborar un volume que constitúe unha mostra fantástica de como plasmar a riqueza da cultura oral e de recoller o patrimonio que se transmite de xeración en xeración, e que é preciso preservar mediante traballos coma este”. Méndez reiterou o compromiso da Deputación de Lugo “coa educación e a cultura como motor dun país” e expresou o seu desexo de seguir colaborando coa USC, a través do Campus de Lugo, “en proxectos tan necesarios e enriquecedores coma este”.
 
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo agradeceu o seu labor “ás autoras, ao Servizo de Publicacións da USC e á Deputación de Lugo, a quen sempre pedimos a súa colaboración sabedores de que nola van prestar de bo grado”. Pedro García Herradón salientou “a importancia crecente da oralidade na comunicación, que se pode percibir en ámbitos como as redes sociais, que en moitos casos non son máis que xeitos de trasladar o discurso oral a un novo soporte”.
 
Finalmente, Herradón asegurou o compromiso do Campus de Lugo coa Facultade de Humanidades, “que para nós é de vital importancia, e que está chamado a desenvolver un papel esencial dentro do proxecto do Campus Terra que pretendemos desenvolver, como centro investigador e difusor do patrimonio cultural, histórico e artístico do noso contorno”.