Presentouse en Filosofía a obra completa do catedrático González Linares, un dos introdutores do evolucionismo na USC

Noviembre, 10, 2014

Foi apartado da docencia en Compostela por defender, a finais do XIX, a liberdade de cátedra en España

Presentouse en Filosofía a obra completa do catedrático González Linares, un dos introdutores do evolucionismo na USC

e esquerda a dereita, Rafael Martínez, Carlos Nieto, Xosé Pereira, Juan Gestal, José Manuel González e Francisco Díaz-Fierros (Foto: SERVIMAV-USC)

A Universidade de Santiago contou no segundo terzo do século XIX entre o seu claustro de docentes con Augusto González Linares (1845-1904), científico cántabro que participou na fundación da Institución Libre de Ensinanza. Como catedrático de Historia Natural, entre os anos 1872 e 1875 González Linares foi un dos introdutores do evolucionismo na USC. 

En 1875, fiel ás súas conviccións ‘krausistas’ xunto co seu colega Laureano Calderón, catedrático de Química Orgánica, pronunciouse contra unha lei que pretendía censurar os libros de texto. A consecuencia desta protesta en defensa da liberdade de cátedra en España –de gran repercusión nacional– foi apartado da súa cátedra compostelá, á que xa nunca tornaría.

Malia a brevidade do seu paso pola USC, González Linares xogou un importante papel na historia desta institución. Por esta razón quérese aproveitar a ocasión da edición da súa obra completa “ para lembrar e facer xustiza a esta importante figura da ciencia e o pensamento”, explica o decano dá Facultade compostelá de Filosofía, Rafael Martínez.

 Deste xeito, esta mañá presentouse en Filosofía o volume Augusto González de Linares, Obra Completa, coordinado polo profesor de Filosofía na Universidade de Cantabria, Carlos Nieto Blanco, e editado pola Universidade de Cantabria e a Real Sociedade Menéndez Pelayo. No acto interviñeron o vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, Xosé Pereira; o catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e coordinador da Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros; e o catedrático de Literatura Española da USC e presidente da Sociedade de Literatura Española do S. XIX, José Manuel González Herrán.

Carlos Nieto

O responsable da edición, Carlos Nieto, é licenciado en Filosofía e Letras pola Complutense e doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Salamanca. Na actualidade é profesor titular de Filosofía na Universidade de Cantabria.

A súa actividade científica desenvólvese no eido da Historia da Filosofía Contemporánea e o Pensamento Español Contemporáneo, orientando a súa investigación cara a cuestións relacionadas coa linguaxe e o suxeito. O profesor Nieto ten publicados, ademais do volume que hoxe se deu a coñecer na USC, numerosos artigos sobre a figura do que foi catedrático da USC González de Linares.