Saen do prelo os tres últimos volumes da colección 'Clásicos do Pensamento Universal'

Marzo, 08, 2017

Os ensaios (escolma) de Montaigne, Democracia e educación de Dewey e O federalista, de Hamilton, Madison e Jay

Saen do prelo os tres últimos volumes da colección

En primeira fila, Darío Villanueva, Juan Viaño, Silvia Churruca e Juan Luis Blanco, e detrás os prologuistas e tradutores das obras Creada en virtude dun convenio entre a Fundación BBVA e a Universidade de Santiago de Compostela, a colección Clásicos do Pensamento Universal edita desde 2002 esmeradas traducións críticas a galego das obras fundamentais do pensamento científico, humanístico ou social.

Platón, Aristóteles, Séneca, Maquiavelo, Erasmo, Moro, Newton, Lavoisier, Beccaria, Darwin, Bernard, Von Neumann, Popper ou MacLuhan poden así lerse na nosa lingua grazas a esta colección que dirixe Darío Villanueva e que dende hoxe incorpora tamén a Michel de Montaige, John Dewey e a Alexander Hamilton, James Madison e John Jay. 

O reitor Juan Viaño presentou este luns en San Xerome os tres últimos volumes, cos que Clásicos do Pensamento Universal chega a 28. Son Os ensaios (escolma), de Michel de Montaigne, prologado e traducido por Gonzalo Navaza; Democracia e educación , de John Dewey, prologado por Antón Costa Rico e traducido por Manuel F. Vieites; e O federalista,de A. Hamilton, J. Madison e J. Jay, con prólogo de Roberto Blanco Valdés e tradución de Ramón Máiz e Alfonso Mato. Todos eles asistiron á presentación, na que tamén interviñeron o director da RAE e da propia colección, o profesor da USC Darío Villanueva, e a directora de Comunicación e Relacións Institucionais da Fundación BBVA, Silvia Churruca Zarasqueta.

O federalista 
O Federalista recolle o compromiso de tres dos máis relevantes Pais fundadores dos Estados Unidos a prol do futuro da República Federal. Malia con importantes puntos de diverxencia entre si, as biografías dos tres grandes políticos que redactaron man a man unha das grandes achegas á historia do pensamento político contemporáneo, explican a súa actuación nun momento central da historia da nación americana que, coa Constitución xa redactada, estaba a piques de nacer. 

A obra recompila o conxunto de artigos xornalísticos que Alexander Hamilton, James Madison e John Jay publicarton en diversos diarios de Nova York entre outrubro de 1787 e abril de 1788 en defensa da Constirtución e co fion de favorecer a súa posterior ratificación polos Estados. 

Democracia e educación 
Dewey, autor dunha intensa obra filosófica, psicolóxica e pedagóxica, propón en Democracy and Education. An Introduction to the Philosophy of Education (1916) unha "teoría xeral da educación", enfrontando os problemas de fondo que, máis que as cuestións didácticas e de organización escolar, conducen a un horizonte social de democracia como forma de vida e ideal moral, na que as persoas son iguais e os ben da vida se comparten, o que implica, ao tempo, vivir a democracia nas institucións escolares, entendendo a escola democráticacomo escenario de aprendizaxe ética, ademais de espazo cualificado para o avance do ideal democrático do coñecemento. 

Fronte ao modelo escolar tradicional, Dewey, un dos máximos mentores da escola nova, propón a escola progresiva, un modelo que toma en consideración os impulsos, necesidades, interrogantes e intereses do alumnado, a interrelación do coñecemento escolar coa contorna, a unidade entre o saber e o facer, o papel guía e propositivo dos profesores, o protagonismo do alumnado que "crece" desde dentro de si mesmo, a potenciación da súa creatividade, da súa individualidade e da cooperación, e que promove programas escolares con capacidade de resposta ás súas necesidades. 

Os ensaios 
Os Ensaios de Michel de Montaigne, publicados por primeira vez en 1580, constitúen unha das grandes creacións do humanismo do século XVI. A fórmula empregada, que combina o discurso filosófico coa confesión persoal e autobiográfica e toda clase de digresións, serviu de modelo para autores posteriores e instaurou un novo xénero. 

A maior parte desta escolma de sete ensaios vén ocupada pola Apoloxía de Raymond de Sebonde, o máis filosófico dos ensaios e mostra singular do escepticismo humanista precartesiano. No titulado ‘Que filosofar é aprender a morrer’, servíndose de temas e motivos de tradición estoica, Montaigne recomenda a meditatio mortis como fórmula para aprender a vivir. No que leva o título ‘Da educación dos fillos’ expón as súas ideas acerca da educación, que fan del un precursor da pedagoxía moderna. O titulado ‘Dos caníbales’, que amosa o impacto provocado pola descuberta do chamado Novo Mundo, é tamén un texto precursor da antropoloxía social.

 

Pie de foto

En primeira fila, Darío Villanueva, Juan Viaño, Silvia Churruca e Juan Luis Blanco, e detrás os prologuistas e tradutores das obras