Sete relatos contra a violencia de xénero

Noviembre, 25, 2013

A USC conmemorou o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Sete relatos contra a violencia de xénero

De dereita a esquerda, Juan Blanco, Benita Silva, Juan Casares, Susana López e Juan Monterroso (Foto: SERVIMAV-USC)

En sete relatos curtos podería resumirse a imaxe que o estudantado universitario ten dunha problemática tan grave e actual como é a violencia contra as mulleres. Sete historias breves que forman parte dun pequeno volume que este luns se presentou nun concorrido acto da USC de conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres que presidiu o reitor Juan Casares e no que a directora do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX), Rita Radl Philipp, deu lectura a unha declaración institucional " contra esta eiva terrible que en todo o mundo ten sometida ás mulleres".

No manifesto denúnciase “o trato vexatorio que reciben as mulleres en todas as sociedades por parte de múltiples mecanismos que significan violencia para elas e as propias estruturas de pensamento simbólico-sociais” así como “as formas sutís de violencia, aínda presentes de modo estrutural no ámbito da ciencia e tecnoloxía, e a exclusión da visión das mulleres para dificultar a súa presenza nos postos e cargos de alta responsabilidade no contexto académico e investigador”.

A declaración remata cunha aposta pola “utopía dunha sociedade entre iguais” que só se conseguirá “pola educación, pola modificación substancial das condicións de socialización, particularmente dende a óptica da nosa institución universitaria comprometida coa erradicación da violencia contra as mulleres en todos os niveis”. 

Logo da profesora Radl, interveu na Sala de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo Lorenzo, que leu algúns fragmentos do libro 7 Relatos curtos contra a violencia de xénero.

Alto grao de participación no certame

O volume, que sorprende polo reducido do seu formato, recolle os relatos do primeiro concurso contra a violencia de xénero que convocou a USC a través da súa Oficina de Igualdade de Xénero en outubro de 2012. Dirixida ao alumnado, a esta iniciativa presentáronse un total de 105 relatos que poñían en valor a tolerancia cero contra a violencia de xénero.

O xurado –composto por Teresa Moure Pereiro, Manuel Núñez Singala e Manuela Palacios González– seleccionou os sete relatos finalistas e, entre eles, concedeu un premio e tres accésits. O estudante de Grao en Lingua e literatura españolas Ismael Ramos Castelo destacou entre todos con ‘A muller do escritor’, unha breve historia que trata do medo a perturbar o silencio do agresor mentres se pensa “non son eu, é outra quen sofre” e se escusa a violencia adiando sen tregua o seu remate.

Os accésits correspondéronlles a ‘Presentimento’, da estudante de Filoloxía Clásica Adriana Grela del Río; ‘O Principe herdeiro e o medio dragón’ de Ignacio Nicolás Fernández, alumno de Lingua e literatura inglesas; e ‘Trocando a realidade’, da estudante de Dereito Julia Ammerman Yebra.

Os tres relatos finalistas son ‘Poluta’, da estudante de Xornalismo Olalla Liñares García; ‘Un sol de media noite’, do alumno de Medicina Luís Miguel Martínez Agulleiro; e ‘A saúde da libélula azul’, do de Economía Javier Sánchez Álvarez.

Participaron tamén no acto a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso; o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Juan L. Blanco Valdés; e a secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella.