Un novo volume coeditado pola USC e a Universidade de León explora a evolución das librarías catedralicias

Marzo, 21, 2014

Un novo volume coeditado pola USC e a Universidade de León explora a evolución das librarías catedralicias

Librerías catedraliciasO libro Librerías catedralicias. Un espacio del saber en la Edad Media y Moderna achegase ao proceso evolutivo destas librarías, a súa creación, o papel que xogaron no marco das bibliotecas canónicas hispanas ou a construción dos conxuntos monumentais que as albergaron, entre outros aspectos.

A obra, promovida editorialmente pola profesora de paleografía da USC Ana Suárez González, foi coeditada entre as Universidades de Santiago e de León e inscríbese na liña de colaboración entre as editoriais agremiadas á Unión de Editoriais Universitarias españolas.

Na súa presentación este xoves 20 na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia participaron o decano da Facultade, Juan M. Monterroso, os directores de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, Juan L. Blanco Valdés, e da Universidade de León, Jesús Nieto Ibáñez, así como a co-autora do libro, Ana Suárez González.
 
Os promotores desta coedición universitaria vincularon o interese do novo volume ao atractivo dos espazos libreiros antigos, "e especialmente os medievais, porque seguen exercendo un engado incomparable, que inspirou producións literarias universais". Concretamente, Librerías catedralicias "resucita reliquias dun pasado cultura tan brillante como esvaecido polos estrados do tempo: a desaparición, a ruína ou, no mellor dos casos, a transformación dos espazos físicos no seu día consagrados ás bibliotecas catedralicias minguaron drasticamente as referencias documentais que dan fe da súa existencia pretérita". 

Fronte esta situación, as páxinas presentadas en Xeografía e Historia propoñen "unha contribución, tan rica como singular, orientada a recuperar e aínda elevar o interese artístico e cultural das institucións catedralicias hispanas, tan inxustamente ignorado", explicou Juan Blanco na presentación. Asinan este traballo María Dolores Campos Sánchez-Bordona, Eduardo Carrero Santamaría, Ana Súarez González e María Dolores Teijeira Pablos.