Un novo volume da USC reflexiona sobre os condicionantes da prescrición de medicamentos

Febrero, 08, 2017

Os autores de "Médicos e medicamentos: que nos receitan e por que" suxiren unhas normas mínimas de actuación para que non se malogren as esperanzas da 'explosión farmacéutica'

Un novo volume da USC reflexiona sobre os condicionantes da prescrición de medicamentos

Presentación de "Médicos e medicamentos: que nos receitan e por que" / USC

Dende mediados dos anos corenta a práctica médica cambiou radicalmente. De dispor de apenas unha ducia de medicamentos eficaces, pasouse ao uso de miles de moléculas con finalidade terapéutica, que deron lugar a grandes avances no tratamento de enfermidades que antes eran mortais.

 

Guardar

Hoxe, nun contexto de crise económica, o importante peso do gasto farmacéutico e a percepción de que parte deste non responde a necesidades reais son, probablemente, os factores que sitúan o consumo farmacéutico no punto de mira dos xestores sanitarios. A esta reflexión dedican os profesores de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Francisco Caamaño Isorna e Adolfo Figueiras Guzmán o libro Médicos e medicamentos: que nos receitan e por que, que este mércores se presentou en San Xerome. 

Para os autores, a prescrición de medicamentos constitúe hoxe a expresión terapéutica máis frecuente e de maior repercusión económica. Un de cada catro euros investidos en saúde dedícase a financiar fármacos, a gran maioría prescritos por médicos de atención primaria. E se ben nos últimos aos as distintas administracións sanitarias veñen implementando diversas medidas para conter ese gasto, “probablemente esas accións non foron suficientemente explicadas nin entendidas pola sociedade, e nalgún caso a urxencia da situación tampouco permitiu á Administración o necesario nivel de reflexión antes da súa implantación”, explican os autores. 

Normas mínimas 
Así, advirten que as esperanzas postas na chamada ‘explosión farmacolóxica’ poderían frustrarse se os sistemas sanitarios non se dotan dunhas normas mínimas. Entre elas apuntan a actualización profesional dos médicos a cargo de institucións independentes, o reforzo da validez dos xenéricos ou un maior papel do paciente en tarefas de farmacovixilancia. 

Advirten ademais de que os organismos encargados de velar pola seguridade postcomercialización deberían ser independentes dos encargados da aprobación e rexistro de medicamentos, á vez que defenden que ambos os dous órganos sexan financiados con fondos públicos. Denuncian tamén que a industria farmacéutica “utilice as instalacións e o tempo dos profesionais do sistema sanitario para facer promoción dos seus produtos”. 

A colección 
O libro é o terceiro número da Biblioteca de Divulgación. Serie Científica da USC, que co dirixen os profesores Jorge Mira e Francisco Díaz-Fierros Viqueira. Precederon a este Antimateria, magia y poesía (2014), de José Edelstein e Andrés Gomberoff, e E fixemos a luz! (2016), de Salvador Bará. 

Creada en 2011, a colección recolle textos que, malia seren resultado da máis rigorosa investigación en cada eido, están presentados de forma divulgativa, con exposición amena e áxil, desprovistos de aparato crítico e, en definitiva, pensados para o público xeral e non estritamente especialista. Reforzando esta idea, este novo volume incorpora ilustracións de Fausto Isorna con certa carga de humor e ironía.

Escaparate da libraría Gallaecia Liber (Espazo UNE en Santiago de Compostela), C/ Ramón Cabanillas,  hoxe. Apertas.
Escaparate da libraría Gallaecia Liber (Espazo UNE en Santiago de Compostela), C/ Ramón Cabanillas,  hoxe. Apertas.