Unha investigación con participación da USC recibe o premio Pere Mascaró á innovación social en servizos sociais

Diciembre, 04, 2017

Unha investigación con participación da USC recibe o premio Pere Mascaró á innovación social en servizos sociais

A investigación "Jóvenes que construyen futuros: de la exclusión a la inclusión social" na que participaron os profesores José Antonio Caride, Belén Caballo, Rita Gradaílle, Laura Varela e Ángela de Valenzuela, membros do Grupo de Referencia Competitiva en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) da USC, recibiu o Premio Pere Mascaró no ámbito dos servizos sociais. Este recoñecemento, promovido polo Consell de Mallorca a través do Instituto Mallorquín de Asuntos Sociais (IMAS), pon de manifesto a contribución do traballo da USC á mellora e sustentabilidade dos servizos sociais, á prevención e á análise de necesidades emerxentes na sociedade. 

A investigación desenvolveuse entre os anos 2015 e 2016 no marco dun proxecto financiado polo Programa Cidadanía Activa do Espazo Económico Europeo EEA Grants, no que participaron máis de 20 docentes e investigadores das Universidades de Girona, Illes Balears, a UNED e a Universidade de Santiago de Compostela. Contou tamén co traballo de responsables e profesionais de catro entidades do Terceiro Sector, como as Fundacións Nazaret (Illes Balears) e Servei Solidari (Cataluña), Opción 3 (Madrid) e IGAXES3 (Galicia), que en 2012 crearon a Rede Jóvenes e Inclusión Social grazas a un convenio subscrito pola USC e as mencionadas universidades. 

O equipo, dirixido cientificamente polo profesor da USC José Antonio Caride e do que IGAXES3 foi a entidade coordinadora, situou entre os seus obxectivos o estudo das realidades cotiás que vivencian os mozos ex tutelados en situación de vulnerabilidade e risco social, alentando e valorizando o seu protagonismo nos procesos de emancipación e inclusión social. Neste sentido, como afirma Caride, o estudo "constitúe unha proposta-resposta colectiva ás necesidades emerxentes e urxentes de centos de miles de adolescentes e mozos que reivindican -mesmo en silencio- as oportunidades e dereitos que se proclaman en nome da igualdade, a liberdade, a xustiza, a participación, a emancipación e a inclusión social". 

Os resultados da investigación foron editados en 2016 polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, e recentemente reimprimiuse dada a notoria demanda de exemplares desta obra en distintos contextos académicos, profesionais e institucionais.